Monday 29 de April de 2024

O PP de Culleredo denuncia que José Ramón Rioboo renuncia os fondos EDUSI


 Os populares critican duramente que a incapacidade do goberno local para tramitar nada a tempo, supoña perder financiamento europeo ano tras ano.

O Partido Popular de Culleredo manifestou o seu profundo malestar ao constatar que “unha vez máis, por culpa do deixamento do señor Rioboo, da súa nula capacidade de xestión, Culleredo volveu a perder financiamento europeo, esta vez a través dos fondos EDUSI”.
“A falta de poder concretar cifras debido a que o equipo de goberno non sabe ou non quere ofrecer os datos, estimamos en 1,5 millóns de € o que Culleredo perdeu dos fondos europeos que tiña asignados”, sinala a portavoz municipal popular, Izaskun García.

Proxectos como o Centro Social “As Oliveiras”, as melloras de accesibilidade do Centro Cívico de Orro ou o itinerario das vías integradas entre as parroquias de Culleredo e Celas, non poderán ser financiados cos fondos europeos por non ser executadas antes do 31 de decembro do 2023.

García insiste na nula capacidade de xestión e control do alcalde, José Ramón Rioboo, e dos seus concelleiros. “Boa mostra diso é que o seu concelleiro de obras descoñecía que un dos proxectos que se ían a financiar cos fondos europeos, agora incluírono no Plan Único da Deputación”.

“O prexuízo que nas súas infraestruturas está a sufrir Culleredo pola indolencia doseñor Rioboo é máis que preocupante”, declaran os populares, que insisten en sinalar unha vez máis a “ausencia continuada do alcalde que apenas pisa en Concello”.